Archive for the ‘Anotacións’ Category

Cousas sobre a miña mesa

02/12/2009

Non pretendía facer un plaxio ó extinguido blogue de Segarra na revista Anuncios, tan só era unha licencia que, seguramente os que non teñades nada que ver coa publicidade (cousa rara) nunca chegaredes a entender.

Pero é que hoxe, sobre a miña mesa, para ser máis concretos sobre o meu desktop o que teño é un arguivo de word, próximo a páxina en branco (terror), que di o seguinte (esto é un copy-paste):

Hombre hablando con su polla o, en lo que degeneró un dia más tarde, conversaciones subversivas entre un tío (no necesariamente) y su miembro viril

Hombre: -…

Polla: -…

E nesta tesitura é na que ando.
Sen máis.

NOTA nº1: descoñezo o significado de subversivo, pero é unha desas palabras que sempre quixen empregar e aproveitando a conxuntura do tema pois introducina (que non a penetrei)

NOTA nº2: o texto adxunto non é unha paranoia (ou, tendo en conta o tema, “paja mental”) que me entrou agora é no que estou a traballar hoxe e, como vedes, non sei moi ben por onde comezar, só teño un título moi longo.

NOTA Nº3: sempre que escribo a palabra NOTA, neste contexto, en maiúsculas e seguida de dous puntos, véñenme á memoria os apuntamentos dun dos mellores mestres que tiven nunca, D. Antonio Rey.

Marián e o espello

20/11/2009

Sempre tiven fixación cos espellos. Mira que teño pasado horas diante dun. Ás veces disfrazándome con roupa de miña nai e outras bailando ou facendo que presentaba un programa de televisión. Ou todo á vez. Ou sen facer nada, tan só mirándome.

Internet é igual, tes un montón de espellos por aquí ós que asomarte. De repente, un montón de sitios ós que mirarte, o que estás a pensar no twitter ou o que fixeches o último sábado no facebook. As estatísticas da túa web, os comentarios das fotos nas que saes, o número de seguidores do teu blip.fm. Espellos que distorsionan a realidade. Espellos que nos provocan a xirar a cabeza cando pasamos por diante. 

Que forma máis tremenda de mirarse o embigo. Sen parar.

A idea persecutoria

19/11/2009

Na fábrica das ideas case ningún produto sae á luz, case nada se vende, case nada chega a ningures. O 90% do que se pensa remataría no balde do lixo, se os pensamentos puidesen rematar aí. 

Na fábrica das ideas non hai máquinas. Hai libros, música, filmes. Hai ordenadores, pero non fan o traballo. A fábrica das ideas está formada por mentes pensantes. Cada un ocupa o seu posto de 9 da mañá ata 19 da tarde. De luns a venres con dúas horas para comer. Medias horas para baixar a por un café ou para fumar. Cincos minutos para falar de calquera anécdota anecdótica. Minutos soltos para revisar a triste vida social do facebook.

24 horas buscando ideas e cando chega, xa estaba feita, non leva a ningures, é demasiado arriscada, non aporta nada, hai que darlle outra volta, hai que ir máis alá, hai que ir ó principio, hai que facer un novo plantexamenteo, conquistar outro territorio, chegar a un novo concepto, respecta-lo claim, buscar un insight máis potente, facelo todo máis sinxelo, manter a coherencia, que lle guste ó cliente, que non dane a sensibilidade das feministas, que combine coa cor do vestido da muller do presidente, que non sexa demasiado insípido. Moderno pero clásico, atrevido pero convencional, barato pero sublime, …, que conecte cos xoves pero que non provoque que os vellos saian correndo, que cre experiencia coa marca, que constrúa, que consiga notoriedade, que leve á acción, que namore, que transmita o concepto.

Entón chegas, poñamos que chegas.

E non serve, xa se fixo, esa idea tanto che vale para un iogur coma para un banco. Non se entende. É demasiado intelixente. Demasiado absurda. Demasiado trillada. Ten pouco peso. Non funciona. Non logra transmitir nada do produto. Non se diferencia da competencia. É o mesmo que pensou o teu compañeiro.

Outra vez. Ler briefing, ver referencias, imaxinar situacións. Preguntarte que é o que queres contar. Contalo. Facelo atractivo, que che leve a algún sitio que non sexa unha rúa sen saída. Non chegas. Chegas ó mesmo que chegaches antes. Estás atascado.

Volta a empezar. Outro plantexamento. Daste conta de que todo o que se fixo ata ese momento non ten nada que ver co que estás a facer. Non vale. Ten que ser como o que xa hai pero transmitindo un cambio. Que chegue ó consumidor. Que transmita un beneficio emocional. “Donde caben dos caben tres”. “Bienvenido a la república independiente de tu casa”. “¿Te gusta conducir?” Que non xogue con chistes fáciles nin frases feitas. Que resolva ben. Que rompa o bloque. Que teña sentido do humor. Que venda. Que permaneza. Que teña credibilidade aínda que sexa mentira. Que transmita as bondades do produto aínda que sexa malo malísimo. Que lle guste á túa nai aínda que vaia dirixido ó teu fillo. Que chegue ás mulleres pero que convenza ó público masculino.
Hai algo aí. Algo sae.
Só hai que darlle forma, definilo, concretar, chegar a algún sitio. Chegas a un sitio e alí estás outra vez, descubrindo qué significa lugar común.

Retrocedes, só un pouco. Que non sexa un lugar común pero que o entenda todo o mundo, que faga que a xente se sinta partícipe, que movilice, que provoque resposta, proba de produto, incremento das vendas. 

Acércaste. Sigue por aí. Sigues. Chegas a un sitio que non é nada do outro mundo pero que cumple.

Si pero non.

Xa. Parecía doado.

Nunca cambies

05/11/2009

e segue a sorrir nas fotos, continúa a xurar amor eterno, non deixes de pensar que a universidade é a meta de todo o mundo, cambiando de moda cada estación e tendo esta incrible dificultade para que o tren da túa vida transite por lugares onde a medida dos valores é outra. Paulo Coelho.

Segue a facer todo o que fas, aínda que non che guste, aínda que non che faga feliz.

Nunca cambies, ¿para que?

Segue facendo o que fan os demais ou que che din que fagas ou segue sen escoitar a ninguén, nin ó teu corazón. Segue sen preguntarte por qué as cousas son así.

Segue erguéndote cada mañá e deitándote cada noite no lugar no que che tocou. Segue sen facer eleccións. Segue a morrer os domingos e deprimirte os luns.

Segue mercando un coche para ir traballar e segue indo a traballar para poder paga-lo coche. Vai á praia en verán e tórrate baixo o sol. Non repitas “modelito” nas vodas. Merca abrigos que non abriguen e morre de frío no inverno cando vas pola rúa. Pon a calefacción a tope e ásate de calor cando estás na casa. Non abras as fiestras e usa o aire acondicionado. Continúa sempre a réxime. 

Isto non é meu, isto é do que me vou atopando por aí.
Véxase  o artigo de Paulo Coelho no XL Semanal ,La distancia entre los railes” e xoga a ser feliz e sobre todo a facerte preguntas.

Trapalladas surtidas

28/10/2009

Fuchicando vou, estrebillando veño.

Hai días en que parece que o teu vocabulario menguou como o home increíble da peli. Que simplemente non tes palabras. A min pásame a miudo, como con case todo nesta vida, que ou teño moito que dicir e falo de máis e demasiado alto ou non teño ningunha opinión, que parece que me dá igual e paso de todo. E eu non quería nin dar leccións nin ser pasota, nin ter cara de durmida, nin dicir, é o que ten, eu son así e nunca cambiarei. Gustaríame cambiar, ter medida, pero tamén penso que con medida todo é moito máis aburrido e que, ó menos, intentemos divertirnos.

O que quería dicir hoxe é que non me saen máis que palabras en galego, que se esto é unha trapallada ou que o xersei que levo é moi agarimosiño. E non atopo outro xeito de expresalo, nin entendo por que a xente non é capaz de entendelo.

Poñamos que falo de morriña.

“non estás tan gordo como te imaxinas”

14/09/2009

Cando te decates dos erros que cometiches non che quedará máis remedio que levalos contigo. Daquela xurdirá a túa presonalidade porque a honestidade sairá do máis fondo de ti…

Goza da forza e beleza da túa xuventude. Non me fagas caso, nunca entendemos a forza e beleza da xuventude ata que xa se murchou, pero creme. Dentro de vinte anos, cando mirando fotos te vexas a ti mesmo verás, como non podes ver agora, cantas posibilidades tiñas ante ti, e o guapo que en realidae eras, non estás tan gordo como te imaxinas. Non te preocupes polo futuro, ou preocúpate pero sabendo que facelo é tan efectivo como intentar resolver unha ecuación de álxebra mascando chicle. É probale que os problemas máis serios que che xurdan na vida sexan cousas que nin te imaxinas, desas que te sorprenden un xoves calquera.

Todos os días fai algo que che dea medo, canta, non xogues cos corazóns. Non permitas que os demais xoguen co teu. Lava os dentes. Non perdas o tempo sentindo envexa. Unhas veces irás gañando e outras perdendo. A carreira é longa e ó final só comites contra ti mesmo. Recorda os eloxios que recibas, esquece os insultos. E se o consegues, dime como.

Conserva as vellas cartas de amor. Tira os recibos vellos do banco. Érguete. Non te sintas culpable se non sabes que queres facer na vida. As persoas máis interesantes que coñezo tampouco o saben ós corenta. Toma moito calcio. Trata ben os xeonllos. Botaralos en falta cando che fallen. Se cadra casas, se cadra, non. Se cadra tes fillos, se cadra, non. Se cadra te divorcias, se cadra non, e bailas un rock celebrando as vodas de platino. Fagas o que fagas non te congratules de mais. Nin tampouco te censures. Sempre optaches por unha cousa ou outra, coma todo o mundo.

Goza do corpo, úsao de todas as maneiras que poidas, non lle teñas medo. Nin te preocupes do que pensan os demais del. É o mellor instrumento que terás en toda a túa vida. Baila aínda que non o poidas facer máis que na sala da túa casa. Le as instrucións aínda que non as sigas. Non leas revistas de beleza. Só farán que te sintas feo. Coñece ós teus pais. Nunca saberás cando se van ir para sempre. Se bo cos teus irmáns. Son o vencello co teu pasado. E probablemente sigan contigo no futuro. Entende que os amigos veñen e van, pero que hai uns poucos escollidos que debes conservar.

Fai o esforzo de non desvencellarte de certos lugares e costumes pois canto máis vello vaias, máis precisarás das persoas que coñeciches cando eras novo. Vive en Nova York algunha vez pero vaite antes de te endureceres. Vive no norte de California algunha vez pero vaite antes de te abrandares. Viaxa. Non fagas demasiadas cousas no pelo ou cando teñas corenta parecerá o de alguén de oitenta e cinco.

Ten coidado cos consellos que mercas e ten paciencia con quen chos vende. Os consellos son unha forma de nostalxia. Dálos é un xeito de rescatala do vertedoiro, de saneala, de pintar as súas partes feas e reciclalas, dándolles máis valor do que teñen. Pero, por favor, creme no do protector solar.

THE BIG KAHUNA.

Dirixido por John Swanbeck

Guión de Roger Rueff

Tradución Benigno Fernández Salgado

Cada un toma as cervexas como lle peta

13/08/2009

Unha cálida mañá de xullo en Madrid. Son as 10 e seguramente a temperatura exceda os 30 graos. Estou na barra do típico bar de barrio rexentado polo seu dono e señora que prepara croquetas na cociña. Todo o mundo pide café: con leite, en vaso, cortado, con gotas,…; qué vos vou contar, non recordo oír “un café” dende que estiven vivindo en Portugal onde exquisito é sinónimo de freak.

Chega un fulano e pide unha cervexa.
Será polo rollo castizo, non o sei, pero aquí a xente bebe cañas a calquera hora e se van acompañadas dunhas bravas mellor que mellor, así sexa despois do xantar.
Se fose albanel tampouco escaparía do cotián na nosa terra. Todos coñecemos a vocación do gremio da construción polo bocata a media mañá e, xa se sabe, os optimistas tómano ás 11 pero os pesimistas xa o están papando moito antes. Este home, non digo señor por non ferir sensibilidades, non parecía albanel nin levaba ningún obxecto con forma fálica envolto en papel de aluminio na man, pero pediu unha cervexa. Tampouco é que me desconcertase tanto que a pedise o que me chamou a atención foi o xeito de facelo:

-Una cerveza no muy fría.

A quen se lle conte…

[

A propósito de tomar cervexas, xa se poden votar as pezas inscritas no concurso "un dedo de espuma, dos dedos de frente". Eu presentei un par delas e por se alguén quere aportar o seu gran de area déixolle o link para exercer o seu dereito ó voto:

GRÁFICA: La que no estaba buena

MICRORRELATO: Cada cerveza, una historia

]

Arre que arre

23/03/2009

Cun arre por diante toda palabra se recóbre dun “a lo” galego:

Arrefriar, arrecender

Arreconchégate pacá

Arredemo, arrecarallo, arremecajiná

Navegando en terra firme

11/03/2009

“Cando navegamos sen rumbo ningún vento é favorable”. Esta cita pertence, se non mal recordo, a algún filósofo grego (tipo Sócrates, Platón ou Aristóteles), non me lembro. O que si lembro é que estaba impresa nun folio que colgaba da porta da miña orientadora, Lidia Oliveira, en Portugal. Foi unha desas citas tan apropiadas que perdura na túa mente para sempre. Agora que a busco en internet parece ser que a cita pertence a Séneca, só atinei no de filósofo, que nin grego era.

Eu ando a navegar por Madrid, por paradóxico que sexa. Levo por estas terras poida que máis dun mes e medio. Cando cheguei tiña unha ruta, un capitán, un barco, … O capitán marchou e do demais non sei nada. O barco penso que non zarpou do porto, e se non zarpa non hai ruta. Que sentido ten estar nun barco que está parado? 

Este barco pertence a unha flota. A flota consta doutro barco meirande que ten porto en Barcelona e que, polo que hoxe puiden ver, atópase no medio dunha tormenta. Estar parados e non poder axudar ós teus compañeiros a superar unha tormenta ten aínda menos sentido.

Así, sen sentido, sen dirección, sen rumbo. Así estou.

eo

04/03/2009

probando
un dous tres probando
ei
un dous
ei