Archive for the ‘Moito conto’ Category

Jodido ou como perder todo o que tes en dous días

22/12/2009

Que pasa cando metes a pata pero ben e en lugar de perxudicarte a ti mesma, que é como debe ser, perxudicas ós demais, ós que máis queres????

Eu son torpe, non mido as palabras, nin as opinións, son allea ó políticamente correcto e defendo a liberdade de opinión ante todo. Deixo todo para última hora, chamar por teléfono cústame moito máis do que cobra a operadora máis cara. Téñolle medo a case todo, e unha facilidade tremenda para fabricar corazas e retraerme. E vale. Cando repercute en min non pasa nada. Son así. Gustaríame mellorar pero apando co que fago. O problema é cando repercute nos demais, e sempre repercute nos demais, nos que máis te queren. O teu compañeiro de traballo, á persoa que amas, á toda a túa famlia e a unha amiga moi especial, vamos que están todos no bote. E mentres, ti o único que queres é permanecer baixo terra durante 3 días seguidos, tes que dar a cara, pedir desculpas e intentar arranxar o inarranxable. Pero é que sempre me pasa o mesmo, sempre se repite, levo uns días de dejà vu constante e novidades que preferiría que non acontecesen. Está claro, hai moitas cousas que  teño que cambiar.

Polo de agora pido desculpas.

Anatomía dun asasinato

21/12/2009

E isto foi o que pasou.

Cando o coñecín xa tiña diagnosticada unha enfermidade terminal. Cousa que para min nunca foi un problema. Os días estaban contados, a el mergullaríano nunha burbulla da que podería saír en contadas ocasións, así o requería o tratamento. Unha vez saiu e conseguimos vernos. Non estaba preparado para afrontar a exposición co exterior. Entón foi cando o matei.
A pesar da súa morte, pechei os ollos e continuei, sen admitir o que acababa de acontecer. Agora, tiven que enfrontarme ó seu cadaleito. Facer o recoñecemento oportuno e dar media volta. Comprender que xa estaba medio morto cando comezou.

Non era un pouco imposible, era de todo improbable.
Pero custa.

Conto de Nadal titulado “A verdade dos Charbres”

21/12/2009

A miña curmá traballa como investigadora na Universidade de Santiago de Compostela. É a típica científica de pouca vida social e bata branca. Traballa con ratas, experimenta con elas, ábrelles a cabeza e fai porcións co seu minúsculo cerebro do tamaño dunha noz.
O día 24 de decembro (a data escollida é por darlle o ton festivo pero podería ser calquera día de inverno) ten unha conferencia sobre o seu traballo. A ela asistirán alumnos seus e máis público aínda que non me quedou claro quen vai ir a unha conferencia dese tipo un día de Noite Boa se non está obrigado a facelo. O contido da conferencia é materia de exame. Os seus alumnos non o saben de xeito explícito e ela non sabe cómo dicirllo. Eu comenteille que llo dixera abertamente pero a ela parécelle que xa son maiorciños como para andarlles a dicir qué entra no exame e qué non.

Ademais, e isto é o importante, quere falarlles dun fenómeno novo que está a estudar, que nada ten que ver con ratas nin con cerebros, nin con menciña e poida que tampouco con bioloxía. Trátase duns seres que recentemente descubriu nos bosques dos que eu nunca oíra falar. Mentres no-lo estaba contando, tomando café na cociña da miña casa (típica estampa, miña nai, miña madriña, miña curmá e mais eu, cada unha nun lado da mesa e meu irmán que aparece de vez en cando facendo raros exercicios para que a porta se manteña pechada), xa estabamos preparando todo para facer unha excursión ó monte e ver de qué se trataba.

Como só pasa nas películas e nos soños, cando me decatei, xa estaba nunha montaña cun deses seres diante. Sei que miña curmá lles dou un nome pero non lembro cal. Estaba con miña nai. A miña tía e a miña curmá tamén viñeran pero non entraban no plano, nin sequera as tiña localizadas. Cando me descoidei, miña nai xa arrincara unha morea dos entes eses para levalos á casa. A ela encántalle encher os xarróns con todo o que medra nas cunetas.

O que pasaba con eles, ímolos chamar charbres, é que era moi difícil velos, por iso non se descubriran ata ese momento. Supoño que facían falta unhas condicións especiais, máis psicolóxicas que medioambientais, para avistalos. O curioso era que unha vez que vías un, comezabas a ver máis e máis. Semellaban unha árbore pero non remataban en polas e follas, facían formas redondeadas como debuxando caras. Tiñan o aspecto dun tronco cunha cabeza amorfa e esférica sen máis expresión que dous ollos mínimos, como dous puntos negros, e un sorriso como afundido nunha súa superficie similar á madeira.

Comezaron a darme un pouco de medo cando descendendo por aquela ladeira, seguindo á miña nai que ía toda zangada coa súa brazada de seres estranos, me decatei de que sempre te miraban. Se os tiñas de frente mantiñan ese sorriso impasible e condescendente dirixido a ti. Pero se dabas a volta e mirabas cara atrás acontecía o mesmo, mirábante sempre, víralos por onde os viras sempre estaban de fronte. Mentres baixaba ían aparecendo máis charbres, todos dirixíndose a min, sen moverse, mudos. Tratei de correr para evitalos aínda que era imposible, cada vez había máis, de varios tamaños e alturas como querendo dicir algo con aquela faciana burlona.

Non sabía cómo dicirlle á miña nai que algo pasaba, que non debía de levar eses seres para casa. Pero era demasiado tarde e cando me descoidei xa estabamos no ascensor a dous andares de onde, neste conto, viviamos. Alí tamén estaban dúas veciñas. As típicas señoras que sempre se queixan por todo, víctimas de todo, con tódolos males. Nai e filla pero as dúas xa maiores, A primeira viúva dende nova (nai solteira segundo as malas linguas ), a segunda solteirona e virxe confesa. Seguramente viñan da igrexa e de organizar con Don Manuel (o cura) a misa do galo.

Con elas tivemos a típica conversa de ascensor de:

-¿Que tal todo?
Antes de escoitar a resposta vivín un deses momentos en que parece que se paraliza o tempo e a túa mente comeza a pensar en cámara lenta mentres o resto das personaxes nin se inmutan. Sinto a certeza de que a veciña vai mentir e de que algo vai pasar por non contar a verdade.
A acción retómase e a señora responde cun sorriso de orella a orella:
-Máis ou menos. -Non foi isto o que respostou pero non me lembro da palabra exacta. Foi unha soa, que quería dicir que as cousas lle deberían ir moito mellor do que lle ían en realidade. Agora non son quen de atopar un so termo para expresar todo iso, poida que a palabra fora: posavasos.
O caso é que  a señora mentiu e o ascensor parou. Tentei adiantarme á súa resposta pero o mal, tampouco era tanto, abalanzouse irremediablemente sobre nós. Estabamos paradas en pleno Nadal con dúas señoras insoportables nun espazo inferior a un metro cadrado.
Acelereime e comecei a contarlles que as cousas esas que colleramos no monte tiñan un poder máxico e era o de provocar acontecementos nefastos cando alguén respondía a unha pregunta cunha mentira. Díxenlle a señora que admitira a verdade, que dixera que “estaba de puta madre” porque se non o facía ficariamos no ascensor eternamente e daríannos as uvas aí. Non sei por qué, poida que porque en Nadal a xente cre máis neste tipo de cousas, a filla comezou a apoiar o meu discurso instando á nai a dicir a verdade, a que dixera que estaba fenomenal, que era súper feliz, que o dixera. Eu insistín, que por facelo non perdía nada, que fora sincera consigo mesma, que os demais xa sabiamos como era e que xa vería que o ascensor voltaría a funcionar. Entón a señora dixo:

-Moi ben.
E o ascensou arrincou.
Pensei que o do ascensor era unha cousa irrisoria con todo o que podían facer aqueles charbres e que non debiamos tentar o seu poder, así que, ó chegar a  casa avisei a toda a familia de que non nos fixeramos preguntas que puidesen ter unha resposta complicada. Cando alguén comezaba a formular unha o outro mirábao con cara de non o fagas e así pasamos o Nadal.
E o resto das nosas vidas.
Evitando a verdade.

Doente do corazón

29/11/2009

O meu avó, o que morreu, nunca fora ó médico. Minto. Foi unha vez para que lle asinase un certificado conforme a que padecía un problema ó corazón e que non podía facer traballos pesados.

Isto é así.

O meu avó comezou a cobrar unha paga os corenta e tantos. Arreglou para cobrar. E recibiu pensión vitalicia.

A miña avoa, que todo o vive ó 100%, sempre temía pola saúde do seu marido, erguíase antes ca el, ía onda as vacas mentres el durmía, muxíaas e só o espertaba en canto arrefriaba o leite que enchoupaba as sopas do almorzo.

A miña avoa padeceu coma ninguén a enfermidade cardiaca do meu avó. O meu avó nunca se queixou. Nunca dixo nada. E nunca tivo necesidade de voltar xunto ó doutor. Poida que tivese medo de que lle dixese que si podía traballar.

Un momento por favor

17/11/2009

Xa é difícil fuxir dun mesmo. Imposible. Por máis que tentes afastarte, sempre chega o día en que a rutina se apodera dun para lembrar que eres ti, o mesmo, cos teus defectos, os teus bloqueos mentais, os mesmos medos e excusas, idénticas formas de afrontar problemas similares.

Xa é difícil fuxir dun mesmo como para pretender facelo das circunstancias que o rodean. Hai momentos en que preciso un momento. Un instante de desconexión total con todo o que me rodea. Doume conta de que non o logro nin cando durmo. Ás veces lembro os soños e son máis do mesmo, parece que a mente non para de traballar nin un momento, traballa e traballa pero non produce nada. Non produce polo menos o que ten que producir.

Un momento, por favor. E despois xa estou para todos. Ou non. 

Polo menos estarei un pouco máis para min.

O neno feo

12/11/2009

Esta mañá véume, a modo de mal recordo, a imaxe dun bebé moi feo que vira hai uns días no metro. Pensei que era moi inxusto xulgar á xente pola súa beleza pero estábame a decatar que era inevitable. Cando vemos un neno “bonito” non podemos deixar de miralo, incluso nos atrevemos a facerlle carantoñas aínda que non veña a conto ou non  o coñezamos de nada. Alégranos a vista e provócanos un sorriso. Véxase os anuncios nos que aparecen bebés, nunca fallan.

Pero o neno do outro día era todo o contrario. Ía na súa silla, coa súa cara que non tiña nada especial para resultar desagradable, provocándome apartar a vista e evitar a súa mirada. 

Mentres ficaba completamente ensimismada con estes pensamentos, sen entender moi ben por qué me impactara tanto aquel… “ser” (diría “pequecho” pero non me encaixa porque, de verdade, tiña algo que resultaba “difícil de ver”), de novo aparece na miña vida terrenal, arrastrado pola súa nai, coincidindo no mesmo vagón no que eu viaxaba. Era el. Non había dúbida. E, supoño, que como me pillou preparada, non me sorprendeu tanto como a primeira vez. E atrevinme a examinalo máis detidamente para tentar comprender qué era aquilo que o caracterizaba, tan mal, por outra banda. Moitas veces dicimos das persoas que, aínda que non sexan especialmente guapos, “teñen algo”. Pois o mesmo pero ó revés. Tentei indagar qué tiña.

E descubrín que o neno suxeitaba nas súas mans un xornal, pero non o levaba como xeralmente o pode levar un bebé, collíao coma un adulto. Cando me din conta, estaba dándolle a volta e mirando para el coma se entendese algo do que alí poñía. Pero o rapaz non rematou coa súa exploración e atreveuse a abrilo e mirar o seu contido. O habitual dun neno do seu tempo sería que estivese rompendo as follas ou tirando co xornal ó chan mentres a nai lle berraba e o recollía e así sucesivamente. Pero este rapaz ollaba para o xornal dunha maneira inquedante, coma se o estivese a ler.

Non só ollaba para o xornal con esa especial concentración senón que o facía con todo o mundo. Era un observador nato, un ser máis análitico do habitual, cunha capacidade escalofriante para ver o que outros non ven. Descubrín que, efectivamente non era tan feo, non era nin feo. Tan só que era diferente.

Estrano.

Intelixente.

Esperando sempre

05/10/2009

á fin de semana

a que pase o luns

a que sexan horas de velo

a que chegue

polo autobús

ás vacacións

a que soe o teléfono.

E mentres agardamos vai pasando o tempo, E van chegando todas aquelas cousas que non agardabamos tanto, as “patas de gallo” (e non estou obsesionada). Os anos.

 

Esta é unha mensaxe que só se podería escribir un luns.

Corto e cambio

27/09/2009

E un día daste conta de que toda a maxia non era máis que unha ilusión, un truco dun alquimista que saiu correndo a facer das súas a outra parte.

Entón é cando podes ver a realidade sen ningún artificio.

E a realidade é crúa.

Un anaco de carne con sangue que che dá noxo.

E todo remata da única forma que non desexabas que rematase. Mirando para outro lado. Pensando que xa non merece a pena. Cunha certeza estrana de que todo rematou. Rematou.

Diso nada, ¿quedamos para mañá?

E, de repente, ninguén leva sandalias

15/09/2009

Ninguén leva sandalias agás ti. Pero, por un momento, o café que acabas de tomar e que definitivamente si que che soubo a gloria fai que non che importe. Por un momento, porque así se presenta a felicidade. En pequenas doses, coma as cápsulas da Nesspresso.

O sol apareceu e, por unha vez, ías preparada. Preparada para a choiva. Para unha desas treboadas inesperadas. Para a que acaba de caer. Katiuskas, presilás e paraugas e un sol do demo no ceo. Miras arredor e parece que todo o mundo xa o sabía, agás ti.

A vida é demasiado curta como para aprender alemán

31/08/2009

a non ser que sexas de Alemania, claro está.

A vida é demasiado curta como para durmir 12 horas ó día.

A vida é demasiado curta como para facer unha sobremesa de máis de media hora.

A vida é demasiado curta como para lamentarse da existencia.

A vida é demasiado curta como para facer cousas que non nos gustan.

A vida é demasiado curta como para aburrirse.

Pero, ás veces, a vida é demasiado longa e pensas que aprender alemán pode ser interesante, durmir 12 horas reconfórtate, tomar café durante horas despois do xantar é un dos teus grandes praceres, laméntaste porque a vida, amigos, é unha merda, fas cousas a disgusto e si, tamén me aburro.