Archive for the ‘Reflexións’ Category

Jodido ou como perder todo o que tes en dous días

22/12/2009

Que pasa cando metes a pata pero ben e en lugar de perxudicarte a ti mesma, que é como debe ser, perxudicas ós demais, ós que máis queres????

Eu son torpe, non mido as palabras, nin as opinións, son allea ó políticamente correcto e defendo a liberdade de opinión ante todo. Deixo todo para última hora, chamar por teléfono cústame moito máis do que cobra a operadora máis cara. Téñolle medo a case todo, e unha facilidade tremenda para fabricar corazas e retraerme. E vale. Cando repercute en min non pasa nada. Son así. Gustaríame mellorar pero apando co que fago. O problema é cando repercute nos demais, e sempre repercute nos demais, nos que máis te queren. O teu compañeiro de traballo, á persoa que amas, á toda a túa famlia e a unha amiga moi especial, vamos que están todos no bote. E mentres, ti o único que queres é permanecer baixo terra durante 3 días seguidos, tes que dar a cara, pedir desculpas e intentar arranxar o inarranxable. Pero é que sempre me pasa o mesmo, sempre se repite, levo uns días de dejà vu constante e novidades que preferiría que non acontecesen. Está claro, hai moitas cousas que  teño que cambiar.

Polo de agora pido desculpas.

Un momento por favor

17/11/2009

Xa é difícil fuxir dun mesmo. Imposible. Por máis que tentes afastarte, sempre chega o día en que a rutina se apodera dun para lembrar que eres ti, o mesmo, cos teus defectos, os teus bloqueos mentais, os mesmos medos e excusas, idénticas formas de afrontar problemas similares.

Xa é difícil fuxir dun mesmo como para pretender facelo das circunstancias que o rodean. Hai momentos en que preciso un momento. Un instante de desconexión total con todo o que me rodea. Doume conta de que non o logro nin cando durmo. Ás veces lembro os soños e son máis do mesmo, parece que a mente non para de traballar nin un momento, traballa e traballa pero non produce nada. Non produce polo menos o que ten que producir.

Un momento, por favor. E despois xa estou para todos. Ou non. 

Polo menos estarei un pouco máis para min.

Esperando sempre

05/10/2009

á fin de semana

a que pase o luns

a que sexan horas de velo

a que chegue

polo autobús

ás vacacións

a que soe o teléfono.

E mentres agardamos vai pasando o tempo, E van chegando todas aquelas cousas que non agardabamos tanto, as “patas de gallo” (e non estou obsesionada). Os anos.

 

Esta é unha mensaxe que só se podería escribir un luns.

A vida é demasiado curta como para aprender alemán

31/08/2009

a non ser que sexas de Alemania, claro está.

A vida é demasiado curta como para durmir 12 horas ó día.

A vida é demasiado curta como para facer unha sobremesa de máis de media hora.

A vida é demasiado curta como para lamentarse da existencia.

A vida é demasiado curta como para facer cousas que non nos gustan.

A vida é demasiado curta como para aburrirse.

Pero, ás veces, a vida é demasiado longa e pensas que aprender alemán pode ser interesante, durmir 12 horas reconfórtate, tomar café durante horas despois do xantar é un dos teus grandes praceres, laméntaste porque a vida, amigos, é unha merda, fas cousas a disgusto e si, tamén me aburro.

Soa, convencións sociais, a política do correcto e un cargamento de chocolate

18/08/2009

Cando comezo a escribir isto non sei como vai rematar nin de que vai tratar. Tan só o fago porque necesito facelo. Onte quedei soa e hoxe erguinme sen ninguén a quen contarllo. Preciso a soidade como preciso poder falar dela. Cando máis soa me sinto é cando estou rodeada de xente que entre si se coñece pero que non me coñece a min. Para ese grupo son un corpo estrano co que deben ser simpáticos sen importarlle demasiado.

Falas dunhas cousas e doutras, intégrante en conversas ás que pouco podes aportar e que menos che aportan a ti. Tan sequera che interesan o máis mínimo. Integrarse é un coñazo. Pódoo demostrar, integrar é o nome que lle puxeron a unha operación matemática que non se sabe moi ben para qué sirve.

[Broken message]
Esto é o que me aparece ás veces na memoria do móbil cando ó comezo dunha mensaxe enviada non se correponde co final, resulta, cando menos, estrano; pero sirve (o meu lado pragmático sempre vixente), cando máis, para percibir outras realidades. Puxen o de mensaxe rota porque o comezo deste post data do sábado e a continuación recén a escribo descoñecendo de que tratará.

Nunca sabes se a xente que che rodea é politicamente correcta ou é sincera. Ás veces si.

O do cargamento de chocolate que cada quen o interprete como queira. Tan só aclarar que a min váleme de calquera, pero mellor o de comer e coa maior concentración de cacao que sexa aceitada.

Voltar

28/07/2009

Ata que non tes outra, a túa casa é a casa de teus pais. Cando rematas as clases voltas. Cando voltas dunha viaxe, voltas. Cando non che renovan as prácticas que estabas a facer e pasas dous meses dando voltas, voltas. Voltas e agardas ó teu novo destino que non será un novo fogar. Poida que non vivas con teus pais pero vives deles e é o mesmo.

Voltar ás veces está ben. Sobre todo cando xa tes unha data para voltar a marchar.

Cando todo é incerto, cando voltas de perde-lo todo, cando pensas que non che queda nada máis que unha morea de anos, entón voltar é moi triste. É a culminiación da decadencia.

Pero o peor non é eso. O peor é que se voltas triste terás que comezar a darlle explicacións a todo o mundo do teu estado de disconformismo mundano. E entón é moito peor. Calquera alternativa que te plantexes é patética, lamentable. Podes ir de víctima. É o máis sinxelo para saír airoso pero, para os que temos un mínimo de orgullo, mina bastante no noso ego que, por ser tan alto como é, calquera burato é susceptible de provocar un desmoronamento e non queremos correr ese risco.

Podes ir de feliz da vida. Encantado de voltar á casa, voltar a ver a todo o mundo e compartindo a experiencia que traes baixo o brazo por doquier. Contando as proezas e batallas, aplaudindo os logros e ocultando cada fracaso. Esta sería a mellor opción senón fose porque tés unha nai agardándote. Esa persoa que che vai facer unha caricia dende o ombreiro ata a man mentres os teus pelos se erguen en punta e comezas a botar fume pola nariz ata que escoitas o que sobraba que che preguntara: que che pasa? Aquí voltas a ter tres opcións porque o de saír berrando da cociña e pasar de tomar o café xa é algo que descartaches dende que decidiches non ter máis mala hostia ou polo menos non reflexala. Entón podes dicir “nada”, beber o café, falar do que alguén mercou nas rebaixas e cando sexa máis oportuno largarte e encerrarte no teu cuarto durante un par de horas mentres revisas algunhas fotos ou les algún libro que apacigüe o teu estado alterado. Ou ben, podes ir de feliz, pegar un sorriso de orella a orella, contar un chiste ou unha anécdota da túa estancia en Madrid e pegarlle un bico xigante a túa nai (esta dende logo é a mellor opción pero hai que botarlle valor e algo de teatro). Ou novamente (opción que adoita ser a máis recurrida) ir de víctima e lamentarte da túa mala sorte e do teu destino fatal, pero xa explicamos porque esta alternativa non é do noso agrado.

O mellor sempre é ser sincero, cun mesmo e cos demais. Facer o que che apetece e, tan pronto chegas, apuntarte a todo. Facer todo aquilo que levas tempo desexando acabar e nunca o acabas de facer (o carné, a carreira, a EOI, clases de piano, deporte, un pequeno curro, etc.)  Comezar (e rematar, se non é moito pedir) a facer unha morea de cousas para estar ocupado e que os teus traumas non interfiran na túa vida. Pero é unha putada, unha grande e gorda e fedellenta putada non poder gozar do regreso á túa casa.

Ó final o que acabas facendo é vivir nun fin de semana perpetuo, pimplando birra en vaso tamaño tanque, botando barriga e agardando que chegue setembro (outubro ou novembro. O que seguro que agardas é que volte xullo).

Mira que non había opcións.

Coidado co que desexas

09/07/2009

Eu son das que di que cando queres algo de verdade, acábalo conseguindo. Pero pensaba que querer algo de verdade ía acompañado de moito traballo, esforzo, dedicación, contactos, etc.

É como aquilo que lle dicía ás miñas amigas da actitude positiva. Se pensas realmente, confiando ó 100% (se é que se pode confiar en tal medida), que aprobarás o exame, aprobaralo. Para min o feito de aprobar ou suspender é todo unha cuestión de actitude (como case todo nesta vida). Elas, por outro lado, non daban moito crédito. Non crían que só con actitude positiva se podía aprobar un exame. Eu dicíalles que para ter a actitude correcta, que para confiar, obviamente, precisabas levar o exame ben preparado. Pois é evidente que se non tocaches os apuntamentos non irás confiando ó 100% por moito que intentes enganarte a ti mesmo. A actitude positiva ten que ser algo completamente sincero, senón non funciona.

Así foi como Patri e Laura conseguiron aprobar dereito de primeiro. Saíron do exame dicindo que lles saíra mal e que  todo aquel conto da actitude positiva non funcionaba. Eu díxenlles que se non lles dera resultado fora porque non o creran de verdade. Elas afirmaron que si, que naquela ocasión si que ían coa certeza de que conseguirían aprobar. Uns días máis tarde saíron as notas e confirmaron o que elas i eu diciamos.

No entanto, últimamente véñenme acontecendo cousas que sempre quixen sen facer nada en particular por conseguilas. Intento convencerme de que é algo que vén de lonxe, polo que estiven dando o callo durante moito tempo, pero algo fai que pense, pola experiencia, porque a razón nunca diría tal cousa, que só o conseguín por pronunciar unhas palabras máxicas. É como se só cando consegues aillar aquilo que queres realmente, esquecendo os contras e as dificultades, cando consegues darte conta de que é o que queres de verdadade, é entón, cando chega o día en que paf! aí está

Trátase dun exercicio mental (o poder da mente), semellante á meditación. Pero en troques de poñer a mente en branco tes que pensar naquilo que pretendes conseguir. Esto pode acontecer en varias etapas. E normalmente (a non ser que sexas Anthony Blake) é involuntario e accidental. Acontece, ou mellor, vai acontecendo. Vas filtrando ata que está aí. Isto non quere dicir que aconteza sen máis, ten que ser algo que sempre quixeches. Non vale conque agora digas, gustaríame ter unha casa en metade dos pirineos, ten que ser un deses soños ó que nunca renunciaches e, creme ou mellor cre nel e teralo.

Como aquela que un día comendo no Retiro gritou “quero un maromo co que pasear polo parque!”

De erros e cousas malas

13/05/2009

“Hai que sacar as cousas malas que un leva enriba para acceder ás boas que un leva no seu interior”.

“Edison non fallou 999 veces en facer unha bombilla, senon que descubriu 999 formas de non facela”.

Ás veces mergúllaste na rutina e pensas (cun pouco de sorte, porque o normal e que pase sen que te decates) que pasa o tempo en van, sen que a vida che agasalle con nada. É entón cando aparecen as coincidencias que dan sentido á túa monotonía, fan que reflexiones sobre algún tema, se iluminen os teus ollos e, por un instante, deixes de mirar a ningures e comeces a mirar no teu interior. Estes días a vida aportoume ou recordoume as dúas citas anteriores, que levo atopando por todas partes e en distintas formas,  sen cesar. Persíguenme e, como crente acérrima que son no destino, por algo será.

Agora mesmo non me lembro de todos, pero podedes atopar algunha referencia no post de Ezequiel Triviño para a revista Anuncios, ¿Dónde están los publicitarios emprendedores? e no de Nacho Vigalondo titulado “Agenda“ 

Ambas frases veñen a dici-lo mesmo. Hai que traballar, traballar e traballar. Podes ser un xenio pero se non traballas, traballas e traballas (se non te desprendes das cousas malas, se non cometes erros) a túa bombilla persoal non chegará a iluminarse.

Seguindo o fío do post de Vigalondo (perdón por nomearte tanto aquí Nacho) cheguei ó de El pianista e a unha confesión reveladora: “para ser guionista hay que escribir guiones”. Redondo! E esto vale para todo:  ”para ser copy hai que redactar anuncios”, de tan evidente resulta case insultante.

Qué fago que non fago o que quero facer?

Café

23/03/2009

Aquí, en Madrid, normalmente póñenche o café morne. Para min, que me gusta bebelo a sorbos, esto é o mesmo que frío.
En Vilagarcía sempre o poñían moi quente. Dábache tempo a ollear o xornal e botar o azucre mentres tanto. Remexelo ben e mollar o que fose que che puxeran co café.

En Madrid a xente sempre anda ás présas.
No metro, cada día, é como as Rebaixas do Corte Inglés.
Nas cafeterías non hai xornais e moito menos un minicurasán de balde. 

Sempre desconfiei da xente que pide o café con leite morne.