Saltar ao contido

Xa non me quedan ben as saias demasiado curtas

30/12/2010

E comecei a pinta-los beizos entresemana. E miro a hora a cada pouco, desexando que o reloxo marque as sete trinta e saír correndo a non sei ónde. Porque a realidade fóra da oficina tampouco me gusta a maior parte do tempo. Por iso bebo as cervexas de dúas en dúas.

Por iso ocupo a mente con películas e series que non podo deixar de ver. Déitome tarde para ter unha escusa á mañá seguinte cando non me apetece erguerme. E devezo por mercar o últimpo aparello tecnolóxico ou uns vaqueiros caros. E devezo por  ir cear ou a un concerto.

Laméntome polo que fago, quéixome e tan só delego en culpabilidades. Cando miro ó redor, engánome pensando que eles non están mellor, que teño moita sorte. Xa non penso en cambiar, confórmome con seguir adiante, acumulando medallas que pendurarme no peito namentres outros me apuñalan polas costas. Cada vez distánciome máis da xente e non atopo a ninguén sincero. Sen reparar en que a sinceridade comeza comigo mesma.

Viaxo nun tren sen saber moi ben cal é o seu destino. Medio durmida. Molesta por todo o que acontece ó meu carón. Inconsciente da velocidade que leva. Sen saber ónde carallo estou.

Ata que chega o momento de mudar de vía, ou de vagón. Ou de tren. E esperto, aínda que só sexa por un intre. Tento arranxar o meu cabelo que se aplanou polas horas da viaxe, pero xa queda menos. Menos cabelo e menos viaxe. E necesito prender máis luces e apágase máis a mirada.

Neste instante de lucidez penso que xa non agardo nada. Que acabo de comezar un novo ano e non me propuxen deixar de fumar porque non fumo. Porque teño asumido que non irei ó ximnasio e que seguirei falando inglés “a little bit”.

Así que o único que me propoño é que algo me ilusione. Nada máis. Ése é o meu propósito. E síntome feliz por darme conta. Por estar a tempo de beliscar o brazo e que me doa. E valorar o afortunada que son, as posibilidades que teño por diante, o bela que é a vida, o mundo e as persoas. Que como os atardeceres na costa galega non hai nada. E que por máis que corra non podo fuxir, pero si senti-lo vento sobre a miña cara e si berrar e si, e sobre todo, rir ás gargalladas e bailar sen parar fronte ó espello. Ése que sempre amosa a miña mellor faciana. Só pido unha cousa, que endexamais me falte café, nin ansia para tomar outro.


Advertisements
No comments yet

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s