Saltar ao contido

A porteira

24/05/2013

ilustracion_aporteiraIlustración Juanma

Un estrondo metálico xuntábase cos berros de decenas de rapaces que se amontoaban xunto a reixa tratando de chamar a atención do señor do ultramarinos:

-Aquí, aquí! Señor!

Aquel día eu tamén me unira ó barullo do recreo. Golpeaba contra a varanda o canto dunha moeda de 25 pesetas, o xusto para mercar un fosquito.

O tendeiro xa fixera dúas viaxes e a densidade de nenos apegados ó enreixado descendera notablemente. Agora aqueles nenos xogaban no patio dos maiores, correndo de arriba a abaixo esquizofrenicamente. Outros quedaran nese mesmo patio, dándolle patadas a un balón ou ó que pillasen por diante. Eu seguía petando coa moeda, cun ollo posto no señor e o outro posto nos rapaces. Hoxe, polo que se vía, a porteira estaba de boas e deixáralles coller varios balóns.

A porteira queríame mal desde aquel día que me queixei á súa filla por botarme area. A filla da porteira abusaba de poder e, á mínima, delatábate á súa nai para que che collese manía. A porteira era a dona do colexio Manuel Rivero. Ela tiña tódalas chaves. Tocaba o timbre cada cincuenta minutos. Rigorosamente. Durante o recreo facía garda cunha vasoira ó ombro, coma un soldado que suxeita un fusil, no cuarto dos balóns.

O estrépito inicial convertérase nun tintineo absurdo que era o da miña tímida moeda. O señor xa marchara sen intención aparente de traerme o meu fosquito. Coas meixelas encarnadas decidín abanadonar a misión sixilosamente. Din media volta. Aparentemente ninguén reparaba en min. Ninguén, agás un balón que se aproximaba a toda velocidade. Sacudiume ben forte na cabeza, provocando que a moeda se me soltase das mans.

A porteira fixo soar o timbre. Unha vez que tódolos rapaces estabamos dentro comezou, como era habitual, a inspeccionar os patios. Exhaustivamente exploraba o chan axudándose da vasoira. Esta vez tamén levaba o recolledor, aparentando varrer os papeis que quedaran tirados. Un brillo entre unhas follas provocoulle un leve sorriso. Ó día seguinte, a porteira, volvía estar de bo humor. 

Advertisements
No comments yet

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s