Saltar ao contido

Sempre.

14/01/2014

Sentados agardando na parada do Vitrasa parecen felices compartindo as súas vidas. Entendes que exista a xubilación cando coñeces xente coma eles. Marisa e Antonio traballaron non se sabe cantas horas diarias de luns a domingo, desde nenos a vellos. Sen parar nunca. Traballaron cando non existía a xornada laboral de 40 horas. Aforraron case todo.

A xubilación de Marisa e Antonio ten sentido coas súas visitas a Povisa collidos da man, analíticas compartidas, pastillas para a tensión e pan sen sal.

El fuma negro, como se fumaba antes, como leva fumando desde os 11 anos en que o abandonou o neno que levaba dentro. Ela tinxe de louro as súas canas recollidas nunha goma mercada na feira de Bouzas. Na mesma que mercou 3 bragas por 5€ para a súa única netiña, Noa. A Noa irana recoller cando volvan do médico.

Eles non tiñan soños. Non os enganaron con andrómenas. Namoráronse e pasaron a vida xuntos.

El amañaba os enchufes, cambiaba as lámpadas, levaba as bolsas da compra, agardaba co partido posto a que estivese a cea, poñía o que a súa muller lle deixaba sobre a cama.

Ela pasaba o ferro, lavaba a man (cantas veces!) fregaba a louza e o chan e as manchas amarelas dos calzóns. Comían ben e ceaban ben e almorzaban sopas de leite e pan reseso con Colacao. Nunca lles faltou un anaco de pan ou un chourizo. Foron afortunados. Tiveron traballo, diso xa falamos. Fixeron unha casa e coidan un xardín. Seguen traballando, porque iso é a vida.

Reúnen á familia cando poden, que é unha ou dúas veces ó ano. Nunca visitaron ós seus parentes da Arxentina. Por visitar nin visitaron París, nin Londres, nin Oporto, nin Xixón. Non distinguen un avión de Ryanair doutro calquera. Nunca foron de cañas. Aínda que si tomaron as súas cuncas os días de feira cunha boa ración de polbo, iso si.

Iso sempre.

Advertisements
No comments yet

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s